PATRIMONIO INDUSTRIAL:
Segundo o artigo 66 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, tódolos bens de carácter etnográfico que constitúan restos físicos do pasado tecnolóxico, produtivo e industrial galego que sexan susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica seralles aplicable o disposto nesta lei para o patrimonio arqueolóxico.
PRIMEIRA CETÁREA NA FREITA.
Comeza a explotarse a principios do século XX, despois das de Malpica e Cariño. Para a súa construción aproveitouse unha lingua de mar que entra nas rochas formando unha piscina natural (o ollo de San Xirome). Un muro groso de contención e unha comporta regula a entrada da auga do mar aproveitando as mareas. Este espazo natural era propicio como despensa da lagosta e o centolo. A idea foi dunha señora de Santa Marta de Ortigueira: Dona María Luísa Soto. A mediados do século XX a cetárea foi mercada en sociedade pola familia Pose, que chega por negocios ó pobo de Rinlo dende Malpica, e o rinlego D. José Vázquez Oroza, dando un pulo ó negocio do marisco.
SEGUNDA CETÁREA EN PENACIN.
Dada a abundancia de marisco na costa e a bonanza do negocio, pouco despois créase unha segunda cetárea a uns escasos cincocentos metros da primeira. Este espazo e máis grande có primeiro e ten dúas entradas de auga quedando un illote no medio ó que chaman “A Insua”, foi necesario facer dous paredóns con cadansúa comporta. A piscina da cetárea é máis grande, co que foi necesario un entramado de 25 piares de formigón ata o fondo. Para evitar o acceso houbo que cerralo cun muro de pedra de dous metros de alto todo ó redor do seu perímetro.
TERCEIRA CETÁREA NO OLLO LONGO.
Sobre o ano 1954 constrúese a terceira cetárea. Ademais da piscina natural levántase unha nave e dentro dela 16 píos que facían as veces de criadeiros ós que se accedía por uns corredores. Aquí lográbase controlar mellor o proceso xa que no mar os animais estaban expostos a continuos perigos pois coa marea podían entrar pulpos que atacaban e matabana lagosta. Ademais destes perigos era necesario un coidado constante separando os exemplares máis débiles, para evitar que os bos exemplares os comesen o mudaren de pel. Esta cetárea foi a última en pechar. En novembro de 1991 pasou como subcontrata a unha empresa asturiana Cultimar S.L. Os cambios nas artes tradicionais de pesca están na base da ruína do negocio. O abandono das nasas e a introdución de artes moi agresivas coma os “miños”, e mais tarde o arrastre, exterminaron o mar. Como último recurso intentouse a cría dentro das cetéreas de lagosta, nocro e lumbrigante traído do Mar do Norte pero foi un fracaso. No ano 1992 a explotación destas cetareas naturais abandóase definitivamente.






